O control de RTVE polo Goberno central comprace o PPdeG e irrita a oposición

“O único que expresei é que a actual dirección de TVE é a que quere Rubalcaba”. Despois de que, durante varias semanas, o presidente da Xunta fose situado por múltiples voces como un dos dirixentes do PP que máis insistente se amosaba ante a dirección estatal do seu partido para recuperar o control dos medios públicos estatais Alberto Núñez Feijóo recoñecía deste xeito, nunha entrevista en El País, a súa satisfacción polo proxecto legal aprobado no Consello de Ministros do pasado día 20. A contrarreforma de RTVE satisfai a un PPdeG no que xa se botan contas de cara ás eleccións autonómicas e que este luns amosou publicamente o seu apoio á medida, que lle permite aos conservadores nomear a quen consideren oportuno para dirixir o ente sen contar con ninguén máis.